top of page

Dende o EDLG e mais o equipo de Biblioteca, queremos conmemorar o Día Internacional das Mulleres Rurais, o 15 de outubro, co obxectivo de recoñecer a súa contribución ao desenvolvemento rural e agrícola, á erradicación da pobreza e, que co seu traballo de labrar a terra e plantar sementes, están a contribuír e asegurar a alimentación das súas comunidades, así como a proporcionar alimentos a nacións enteiras.

Por iso, e partindo da obra “tributo á bata” da fotógrafa artística Lucía Herrero, trataremos de darlles visibilidade ás mulleres que sostiveron e sosteñen, en gran parte, a vida das aldeas, de todas e de todos. Inicialmente, realizarmos un visionado das súas fotografías, conversaremos sobre que nos suxiren, a que mulleres nos lembran, a súa importancia,… Para despois pedirlle ao alumnado e ás familias que fotografíen ás mulleres rurais máis próximas para renderlles así tributo.

https://www.luciaherrero.com/tribute-to-la-bata#2

Tributo ao mandil.
Esta proposta naceu o 15 de outubro, día das mulleres rurais, enmarcando a proposta no Pdi “Hortarte” onde o noso obxectivo principal foi poñer en 
valor a labor que fixeron e seguen facendo, as mulleres do rural, da nosa contorna. 
Se ben o traballo co artista Yoseba Muruzabal foi a continuidade deste, en primeiro lugar comezamos a analizar as fotografías de Lucía Herrero na súa obra “Tributo a la bata”, unha homenaxe da fotógrafa e actriz a unha prenda que tende a desaparecer. Documenta as batas do mundo e as fortes personalidades que hai detrás.
Ao analizar a súa obra, o alumnado coincidía en que todas eran mulleres e levaban bata, describían as fotografías como divertidas, cheas de cores e con fondos e obxectos moi diferentes. Traballamos paralelamente a importancia das palabras que acompañan á fotografía, profundizando tamén no tipo de literatura que aparece nas exposicións artísticas. 
Propuxémoslle ás familias e tamén á veciñanza facer unha fotografía na que a única premisa era o mandil, ese mandil característico do rural galego que segue presente e que seguimos vendo diariamente desde moitas aulas. Ademais, as fotografías levaban un pé de foto que, en poucas palabras, describía o que estabamos a observar. Esta proposta tivo un gran impacto emocional ao ver ás súas avoas, tías, veciñas… retratadas dun xeito tan especial. Moitas grazas á comunidade educativa por tan boa acollida!
A exposición estivo activa nas aulas e na biblioteca do centro durante estes dous trimestres.

bottom of page